Monday 06 de May de 2024

O curso “Recuperando o monte” inaugurará a Aula de Toxosoutos, sede da UNED-Senior da Coruña en Lousame


As inscricións poden facerse no mail maisdetres@yahoo.es ou no teléfono 686 783 800 ata o 24 de outubro

A Aula de Toxosoutos, sede da UNED-Senior da Coruña en Lousame, botará a andar a finais deste mes de outubro co seu primeiro curso formativo: “Recuperando o monte”. Un curso regrado e aprobado pola UNED e que está dirixido a maiores de 55 anos, que poderán inscribirse ata o 24 de outubro a través do mail maisdetres@yahoo.es ou do teléfono 686 783 800.

“Recuperando o Monte” abordará como o monte segue a constituír un espazo produtivo no que aproveitar recursos tan diversos e necesarios para a sociedade como a madeira, alimentos diversos, remedios para a saúde, adubos para as terras, enerxía para as casas, etc. “Un proxecto que servirá para formar ao alumnado e tamén para poñer en valor o monte multiprodutivo, con todos os recursos para a vida que nel existen”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

As clases terán lugar no albergue de Toxosoutos ao longo de 15 semanas, entre os meses de outubro a febreiro (con receso no Nadal). O horario será os martes, de 16:00 a 18:00 horas, e os sábados, en horario a acordar co alumnado e momento no que se farán visitas a montes e empresas relacionadas co curso.

Todos os alumnos que superen este curso recibirán un Certificado de Participación e tres créditos. No caso de superar dez materias, é dicir, de conseguir 30 créditos, o alumno recibirá un Diploma no que se especificarán as materias e contidos cursados. Ademais, se o alumno o completa coa realización dun traballo final, conseguirá o título de “Sénior Superior”, propio da UNED.

Contido do curso

O curso “Recuperando o Monte” desenvolverase no concello de Lousame, sobre todo na Aula de Toxosoutos, aínda que tamén se contemplan saídas a outros montes e empresas de Galicia, co apoio do alumnado/profesorado da UNED Sénior. Un dos seus obxectivos principais é “procurar que afloren os saberes e as experiencias individuais que todas as persoas teñen acumuladas, compartir ese coñecemento individual e poñelo a disposición colectiva”, explica María do Carme Freire Cruces, directora de Maisdetres e que será a docente do curso. O traballo que se faga durante o curso será recompilado para elaborar unha publicación colectiva da UNED Sénior denominada “Recuperando o monte”, en formato dixital e papel.

Metodoloxía

As clases combinarán sesións en aula con visitas a experiencias actuais tanto en montes veciñais, como particulares e tamén a empresas que experimentan e desenvolven propostas multiprodutivas nos montes. Ademais, realizaranse mesas redondas para resolver dúbidas as nosas dúbidas e ir construíndo a idea de que o monte se pode recuperar nos seus múltiples aspectos.

As sesións terán lugar no albergue de Toxosoutos, que o Concello de Lousame puxo a disposición da UNED e da asociación Maisdetres. Así mesmo, o Concello tamén ofrecerá os terreos de cultivo anexos ás construcións existentes en Toxosoutos, para que poidan ser empregados para impartir docencia práctica. Pola súa banda, a asociación Maisdetres encargarase do mantemento das instalacións, así como da súa limpeza, seguridade, apertura e peche.